Lugo é un destino onde o turismo sostible non é unha tendencia, senón unha forma de entender o territorio. O patrimonio cultural e romano convive de maneira natural coa súa riqueza ambiental, configurando un modelo de cidade onde a historia, a natureza e a calidade de vida están profundamente conectadas.
Lugo, un encontro coa historia
Os ríos Miño e Rato rodean a cidade e forman parte do coñecido Cinturón Verde, un espazo continuo de natureza que permite percorrer Lugo a través de sendeiros peonís e ciclables. Este sistema de corredores ecolóxicos integra zonas de alto valor ambiental con espazos de uso público, facilitando un turismo respectuoso e accesible para todos os perfís de visitante.
Este equilibrio sitúa Lugo nun contexto único, ao formar parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño, recoñecemento da UNESCO que distingue o territorio pola súa capacidade para conservar a biodiversidade ao tempo que promove o desenvolvemento sostible. Trátase, ademais, da única capital ibérica incluída nesta distinción, o que reforza o seu posicionamento como destino de referencia en turismo responsable.
Un dos grandes valores de Lugo é a posibilidade de descubrir a cidade a través de itinerarios históricos que, ao mesmo tempo, son rutas naturais. Tres camiños atravesan o territorio e permiten comprender esta relación:
- Camiño Primitivo de Santiago, que invita a vivir Lugo desde a experiencia do peregrino.
- A Vía XIX, antiga calzada romana que conectaba Lucus Augusti con outros enclaves da Gallaecia e que hoxe permite seguir a pegada histórica do Imperio no territorio.
- A Vía Künig, un itinerario documentado a finais do século XV que recupera antigos percorridos entre Lugo e Santiago de Compostela, atravesando zonas rurais e naturais de gran valor paisaxístico.
A experiencia sostible en Lugo complétase coa aposta polos produtos de proximidade e a posta en valor do territorio.
Convidámoste a percorrer Lugo desde esta perspectiva sostible, onde patrimonio, natureza e calidade de vida se atopan en cada paseo, en cada ruta e en cada experiencia.




