Guía para unha escapada ao corazón de Galicia: itinerario de 48 horas para descubrir a cidade

Guía para unha escapada ao corazón de Galicia: itinerario de 48 horas para descubrir a cidade

Día 1: Patrimonio e historia viva

Comeza o teu percorrido na Muralla Romana, o gran símbolo da cidade e declarada Patrimonio Mundial pola UNESCO. Construída no século III, rodea o casco histórico con máis de dous quilómetros de percorrido íntegro. Máis ca un monumento, é un espazo vivo que acompaña o día a día da cidade e que permite camiñas pola historia mentres gozas dunha das mellores vistas de Lugo.

A partir de alí, adéntrate no legado de Lucus Augusti, unha das principais capitais da Gallaecia romana. A Catedral de Santa María (co seu Museo Catedralicio), a Domus do Mitreo, a Casa dos Mosaicos, o Centro Arqueolóxico de San Roque, Porta Miñá, o Museo Provincial de Lugo ou o Centro de Interpretación da Muralla permiten comprender a vida na cidade hai séculos. Lugo é, ademais, a cidade dos tres patrimonios: a súa Muralla, o Camiño Primitivo de Santiago –o máis antigo– e a Catedral de Santa María, cunha tradición única de exposición permanente do Santísimo Sacramento.

Gastronomía e vida local

Ao mediodía, a experiencia continúa arredor da mesa. Lugo é un destino onde a gastronomía forma parte da identidade, e a mellor maneira de descubrilo é a través do tapeo e do produto local.

Un bo punto de partida é a Zona de Viños no casco histórico, especialmente na Praza do Campo, onde poderás degustar viños das principais denominacións de orixe galegas como Ribeira Sacra, Rías Baixas, Ribeiro, Monterrei ou Valdeorras. Pola tarde, a visita á Praza de Abastos permite coñecer de primeira man a calidade do produto local e a relación directa entre produtor e consumidor.

Día 2: Natureza e contorna

O segundo día é perfecto para descubrir o Lugo máis natural. O seu cinto verde, que forma parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño, ofrece múltiples opcións para pasear e desconectar: rutas polo río Miño, a senda do río Miño, a senda do río Rato ou espazos onde a natureza e a cidade conviven de forma harmónica.

Podes achegarte á ponte romana, pasear polas ribeiras ou simplemente gozar dun ritmo máis pausado. Se queres ampliar a experiencia, a provincia abre a porta a destinos como a Ribeira Sacra lucense, con viñedos en bancais, miradoiros espectaculares e adegas con degustacións que permiten descubrir a esencia da viticultura galega.

Back To Top