Hai destinos que se visitan e outros que se viven.
Lugo pertence a estes últimos.
Situada no corazón de Galicia, no noroeste peninsular, Lugo é un destino único onde o patrimonio histórico, a natureza e a enogastronomía conviven de forma orgánica. A súa Muralla Romana, declarada Patrimonio da Humanidade, non só define a paisaxe urbana, senón tamén unha forma de entender o tempo e a vida.
Lugo, un encontro coa historia
De orixe romana, Lugo foi fundada no ano 14 AEC como un asentamento militar sobre un antigo castro por Paulo Fabio Máximo baixo o nome de Lucus Augusti. Así, con máis de dous mil anos de historia, a cidade ostenta o título de ser a máis antiga de Galicia e conserva un legado que soubo integrarse de maneira natural na súa evolución como cidade viva, acolledora e moderna.
Ao longo deste camiño, propoñémosche un encontro coa historia que se vive sen présas: unha cidade para pasear, observar e gozar, onde patrimonio, natureza, arte, historia e gastronomía conviven cunha elevada calidade de vida. Convidámoste a descubrila con calma, a conectar cos seus espazos, co seu ritmo e coa súa maneira de vivir, apostando por un turismo sostible, baseado en experiencias auténticas e de calidade.



